No mes de xuño, do 15 ao 26 de 2019, Sonia Nóvoa Martínez , profesora do departamento de Informática, estivo en Dublín realizando o curso: “There’s an app for that!”

O curso consistiu na introdución a un amplo número de aplicacións educativas para a súa utilización na aula co alumnado. O grupo estaba formado por once docentes, tres españois, dúas portuguesas, unha croata, catro alemáns e unha húngara.

Crearon e compartiron contidos coas seguintes Apps:

Slack que serve para o intercambio de información co grupo como si se tratase dunha rede social privada entre os participantes na que se pode compartir texto, imaxes, documentos, ligazóns e vídeos.

Kahoot! é unha app deseñada para facer exames tipo test e ademais permite que se poidan reutilizar as probas doutros usuarios.

Padlet é un “diario mural” ou póster interactivo que permite publicar, almacenar e compartir recursos de diferentes fontes, de maneira individual ou en colaboración cun grupo de persoas. Pódese utilizar tanto para propoñer actividades na aula, compartindo a ligazón no muro creado, ou ben en educación en liña xa que se pode compartir en calquera entorno virtual.

Youtube canle para compartir vídeos, facer as propias listas de reprodución tanto públicas como privadas.

Canva, unha app moi útil e ao mesmo tempo moi sinxela de utilizar para facer carteis, infografías, documentos, tarxetas de visita, etc. Todos eles cunha aparencia moi profesional a partires duns poucos clics.

ThingLink  é unha ferramenta que permite aloxar son, vídeo e ligazóns directamente nunha imaxe e que se vaian descubrindo ao pasar o rato por riba da imaxe.

Genial.ly serve para realizar imaxes interactivas, presentacións, carteis …dende unha interface intuitiva e sinxela.

Tamén traballaron na edición de imaxes e vídeos. Primeiro realizaron as fotos e logo coa aplicación Snapseed as retocaron para mellorar a súa calidade en iluminación, enfoque, cor, etc. Permite, directamente dende o móbil, aplicarlle filtros e comparar ca orixinal ata estar contentos co resultado. Unha vez retocadas, fixeron colaxes coas mellores fotos para compartir coa app Diptic. Gozaron con FaceApp, unha app para móbil que a partires do retrato dunha persoa é capaz de rexuvenecela, avellentala, cambiarlle a aparencia e algunhas “falcatruadas” máis.

Na edición de vídeo empregaron Imovie, Pinnacle Studio, Youtube Editor e Power Director. Estas aplicacións son moi semellantes entre si e permiten crear os propios vídeos engadíndolle efectos, filtros, recortando e pegando anacos , etc.

Realizaron unha xira polo centro de Dublín con un dos profesores da escola, o cal lles contou moitas historias e anécdotas da cidade.

Probaron ferramentas para a creación de exames e enquisas.

Socrative tratase dunha aplicación para contestar a través dos móbiles e así integrar a súa utilización na aula.

EdPuzzle é outra aplicación para crear clases de vídeo ou vídeo-cuestionarios. Permite editar e modificar vídeos propios ou da rede para adaptalos as necesidades da aula e así por exemplo ir introducindo preguntas ao longo do visiualización para comprobar o nivel de comprensión que ten o alumnado.

Google Forms serve para crear exames tipo test ou de resposta múltiple.

Plickers app para facer exames ou enquisas máis interactivas na aula. Permite ao profesorado retro-alimentación en tempo real do alumnado utilizando calquera dispositivo. O alumnado utiliza as súas propias tarxetas cun código QR para contestar ás preguntas formuladas.

Probaron FlipGrid, unha plataforma de aprendizaxe online que permite a interacción do profesorado cos estudantes a través de vídeos, propóndolles por exemplo que fagan un resumo do libro que se lles pediu ler.

Traballaron con Google Sites creando a propia páxina web dunha forma sinxela.

Finalmente testaron ferramentas para crear mapas mentais MiMind, Popplet e MindMeister. Todas elas son moi parecidas, tanto nos resultados obtidos coma na súa utilización.

Para rematar a súa mobilidade realizaron unha excursión en grupo a Belfast e a Calzada dos Xigantes, cunha moi boa guía turística a cal explicoulles a historia de Irlanda e os distintos conflitos ao longo do tempo.