Naiara, alumna titulada no Ciclo Medio de Xestión Administrativa, estivo en Braga realizando as súas prácticas na Escolá de Sá Miranda. A súa mobilidade durou once meses, comezou o 1 de agosto de 2019 e rematou o 30 de xuño do 2020. A pandemia do COVID-19 afectou a súa mobilidade polo que tivo que adaptarse a unha nova situación, finalizou as súas prácticas laborais dende a casa mediante o teletraballo.

A miña mobilidade tiña unha duración de 11 meses, nos que se realizaron 8 meses presenciais, e 3 con tele-traballo, por culpa do COVID-19. Dos 8 meses presenciais, estiven 7 nunha Escola Pública e 1 nunha empresa de Contabilidade.

Na escola aprendín o funcionamento da contabilidade dunha entidade pública e a teoría de como e en que programas se traballa alá.

Na área do persoal, o que puxen en práctica foi o arquivo da documentación presentada polos funcionarios e a actualización das faltas do persoal da escola do ano anterior.

Na área dos alumnos, que foi a que máis mirei e na que máis traballei, o traballo diario foi a actualización e recadación de todos os datos persoais dos alumnos imprescindibles pedidos polo centro. Isto todo metíase nunha Base de Datos. Tamén preparei cartas para saír por correo ordinario, solicitei os procesos dos alumnos novos ás outras escolas, arquivei documentos que estaban pendentes de facer…

Esta área foi na que participei mentres estiven traballando dende a casa durante toda a cuarentena. Este foi un traballo en equipo con todas as persoas deste departamento, xa que trataba da recollida das matrículas os seguintes cursos e exames dos alumnos.

Na empresa de Contabilidade, o tempo foi moi limitado, a pesar de que aprendín moitas cousas da contabilidade portuguesa. Os límites de tempo para presentar os modelos de cada un dos impostos, o programa de contabilidade que eles utilizan, a contabilizar as facturas, a cadrar o banco cos gastos e beneficios das empresas, a realizar un inventario, etc.

Sen dúbida, o meu traballo preferido en Portugal foi na empresa de Contabilidade, onde tamén cabe dicir, que a xente que alí traballaba acolleume de moi boas maneiras e sendo moi agradables e dadas a explicar e axudar.