O docente Sérgio Nunes Garcia realizou unha mobilidade Erasmus+, K104, en Malta, do 11 ao 15 de outubro de 2021.

Durante cinco días visitou a empresa “Mama me voy”, unha institución intermediaria encargada de xestionar centos de mobilidades cada ano no estado de Malta. O obxectivo principal foi coñecer esta institución no marco do Job Shadowing para mellorar a xestión dos programas europeos no ámbito do ensino de adultos, en particular, e do Erasmus+ , en xeral.

Ao longo deses días puido observar as diferentes tarefas que realizan (entrevistas coas escolas, empresas, institucións, participantes, alumnado, propietarios de aloxamento…). Ademais, mostraron como xestionan internamente toda esta información mediante o uso de bases de datos específicas. Tamén é fundamental para eles o uso de apps de mensaxería para unha comunicación rápida e fluída con todas as partes implicadas. 

Todo o mencionado anteriormente facilitou que se xerase un contacto entre ambas institucións cun intercambio de coñecementos e, a nivel persoal, supuxo unha experiencia gratificante que o motivou a continuar traballando no programa Erasmus+.

A súa mobilidade serviu para coñecer a realidade dun país moi novo que acadou a independencia hai apenas 50 anos, cunha mistura de culturas árabes, otomanas, italianas e británicas, ademais da enorme cantidade de nacionalidades que viven nela. Todo isto, mantendo orgullosos a súa lingua propia (o maltés) que, tradicionalmente relegada e minorizada fronte ao inglés (o outro idioma oficial), cada día ocupa máis espazos públicos, especialmente na escola, xornais ou televisións.